O celtismo contra Tebas, e viceversa.

O domingo foi un día intenso para o celtismo, un día no que a afección celeste fixo unha demostración de dignidade e amor propio, mentres outros deixaban bastante expostas as súas vergoñas.

Ademáis da visita dun dos representantes da funesta bicefalia de Primeira, foi o día fixado por diversas peñas para protestar contra a LFP e a súa campaña de asedio e derribo. Un nutrido grupo de celtistas interrompeu a previa para acudir á chamada e facerse oír xuntos. Durante o percorrido de Praza América a Balaídos puidéronse ler e escoitar consignas que sería doado resumir nunha soa: “Tebas, vaite xa!”. O celtismo está canso de ser criminalizado, abusado e castigado en base a normas arbitrarias, e farto do advenedizo que as inventa. Díxose o domingo, e repetirase cantas veces faga falta.

IMG_20150406_010149 11037472_880866635270082_5758915785074497748_n 10521326_880899878600091_7977006209237179760_n 11147131_977099882309665_1520912869039864442_o

Pero pecariamos de inocentes ou de iñorantes se pensásemos que Tebas é o principio ou o final destes problemas. A fin de contas, ningunha das súas trapalladas sairía adiante se non fose pola bochornosa connivencia dos clubes que, de forma voluntaria ou cautivos de intereses bastardos, actúan como os seus acólitos.

E é que logo da manifestación e da previa, tocou entrar en Balaídos, e alí tivemos unha nova ración desta escalada de dexeneración que vive o noso fútbol, que purga os seus pecados coa ilusión e os costumes do bo siareiro. Membros de diversas peñas, afeccionados comúns, maiores e cativos, sufriron vendo cómo a Seguridade requisaba as súas bandeiras, bufandas e demáis símbolos de xeito lamentable. Bandeiras de Vigo, de Galicia, das peñas… Estas son dúas da media ducia que nos foron retiradas a Irmandiños. Pura “violencia, racismo, xenofobia e intolerancia”, en verbas da Ley.

banderasrequisadas

Este tipo de tropelías non son novas nin illadas. A xornada previa membros do Colectivo Nós foron obrigados a desprenderse das súas bufandas nos accesos ao estadio do Levante. Outras peñas veñen denunciando problemas similares dentro dunha campaña feroz e sen precedentes, e case todas poderían dar exemplos propios.

Supostamente, o material é requisado tanto polo seu contido como polas súas medidas, sendo 1,50 metros o límite permitido para os paus das bandeiras. Moitas das requisadas están por debaixo desa medida e ninguna ten contido susceptible de ser considerado violento. Todas quedaron na porta.

A modo de anécdota, estas son imaxes do Camp Nou e do Santiago Bernabéu.

IMG_20150406_162115 hBkoYff

Poderiamos preguntar se os paus de merengues e culés son menos “perigosos” que os dos demáis pese a non aterse á normativa. Poderiamos preguntar se a presunción de inocencia é privilexio daqueles que son “caballeros del honor” ou “més que un club”. Pero os que teñen que contestar teñen a opacidade por norma. Tamén poderiamos preguntar ata qué punto os representantes dos nosos clubes defenderon os nosos dereitos contra estas idioteces… Pero coñecemos a resposta.

Isto é o que hai, e dado que a Liga desatou hostilidades contra os siareiros e os clubes non semellan especialmente dispostos a enmendarlle a plana, cremos chegado o momento de desistir no intento de achegar colorido á bancada. A nosa pancarta queda retirada sine die, e tampouco introduciremos ningunha bandeira nin bombo ata final de tempada. Por suposto, seguiremos berrando e alentando o mellor que poidamos mentres nos deixen, pero sen material, posto que intentar introducilo sería aceptar de facto unhas normas que ningún siareiro de ben pode sequera considerar.

É posible que esta decisión chegue tarde pola nosa banda. O que nos coñece sabe que non dubidamos á hora de facer autocrítica se é preciso. Queremos ser unha peña democrática e gústanos actuar de acordo ao sentir dos nosos membros. Este foi o momento en que o enfado foi inaguantable, e así procedemos. Non hai máis.

Se as autoridades e dignatarios que ocupan despachos e palcos queren colorido nos seus estadios, que o acheguen eles. O amor e a fidelidade do celtismo non coñecen teito, pero iso non significa que non teñamos dignidade ou amor propio, como quedou probado na marcha da tarde do domingo. E tanto LFP como clubes cómplices cometeron un terrible erro pensando que unha afección como a nosa pode ser iñorada, ou mesmo insultada, impunemente.

Onte, hoxe e sempre Celta!!

2 comentarios

  1. Tendes toda a razón pero á hora da verdade quen se move para protestar e denunciar isto? Onte a marcha das Travesas a Balaídos estivo moi ben, pero é moi triste que só fosen 300 celtistas cando as peñas máis numerosas (entre elas a vosa, que ten un bo número de membros) apoiaban a mobilización. Non é só que figure o nome, tense que mollar a xente e vese que falta moita implicación. Se cadra espertamos cando sexa demasiado tarde.

  2. Se peñas numerosas como Irmandiños, Colectivo Nós, Carcamáns, Comando Celta, Centolos Celestes, Arribada Celeste apoian a mobilización, como é que só aparecen 300 persoas das que unha parte importante é de Celtarras? Que é o que falla?

Deja un comentario